Sunday, May 14, 2023

Here we go again

 Fálase | Claves galegas das eleccións municipais do 28M - Praza PúblicaPensaba que non pasara tanto tempo desde que publicara o anterior post e vai alá máis dun ano. Andaba moitas veces pensando "podo publicar esto e aquelo" e mentres tanto o tempo ía pasando.

Ando agora metido nas eleccións municipais pero a distancia, pois vou na lista do meu concello (alá no sur da provincia da Coruña) pero vivo en Barcelona. ¿Como é iso posible?¿Se saes elixido vas ir para alá? Pois é posible porque no tes que residir nun concello para presentarse a concelleiro alí; e vou nun posto o suficientemente baixo como para non saír elixido. Teriamos que ter uns resultados que nin Abel Caballero vai conseguir. 

¿E como é que, se estás fóra, vas nunha lista?¿Non había xente que viva alí para presentarse? Pois non, abofé que non había. Falouse con algunha persoa da parroquia pero ninguén estaba disposta. É o malo dos concellos pequenos e da miña parroquia en particular, que hai moi pouca implicación na política, en querer aportar algo ou mellora-la vida do concello. Logo na taberna si que se critica, pero facer ben pouco se fai. Debe ser que é máis cómodo criticar desde fóra, pois se te implicas córre-lo risco de que che critiquen.

O meu grupo político preséntase á reelección, pois xa gañamos nos pasados comicios, botando do poder aos que levaban uns 40 anos gobernando, ben cunhas siglas ou con outras, pero sempre os mesmos das mesmas familias do concello máis catro ou cinco agregados que sempre se achegan ao sol que máis quenta. Será, por moi tópico que resulte dicilo, unha proba para saber se o traballo feito nestes pasados catro anos é do agrado da poboación. 

¿Que se fixo nesta pasada lexislatura? Coido que o máis importante foi un cambio de tendencia, un darlle unha cara nova ao municipio, continuando coas labores de mantemento das instalacións e equipamentos municipais, saneamento de auga, mantemento da rede viaria e todo o necesario para a vida veciñal, pero déuselle un novo aire no eido cultural e paisaxístico: dotación de novos espazos culturais coma a restauración dunha carpintaría de ribeira, diversos actos culturais, humanización da primeira rúa e unha maior consideración polos espazos urbanos e naturais, pois en dúas rúas da localidade principal do concello plantáronse árbores, o que indica un cambio de tendencia na consideración da vía pública como un mero espazo de paso consagrado unicamente ao vehículo privado.


No comments:

Post a Comment