Saturday, May 20, 2023

Chegou o momento

 Chegou o momento que non pensei que ía chegar tan axiña: recibín a chamada que pode supoñe-la miña volta a Galicia. Estou contento, na verdade, mais asáltanme as dúbidas, normais nunha situación coma esta.

Gústame Barcelona, ten cousas que me gustan, pero tamén ten cousas que fan que non acabe de estar a gusto.

Pensaba escreve-las razóns para quedar e as razóns para marchar, pero de tan manidas que están xa me dá preguiza facelo. E faga o que faga, haberá momentos que estea contento coa decisión tomada e outras non, botarei en falta algo daquí ou dalá. Porque nada é absolutamente acertado nin errado.

Son moi proclive a facer hipóteses a futuro, imaxinarme nunha situación futura, analizar que sentimentos me provoca e decidir a partir dese resultado. Igual non é o máis acertado, pois o futuro aínda non existe, a situación que imaxinamos non é real, é imaxinada e idealizada, polo que calquera decisión tomada con esas premisas non ten por que ser acertada. E menos mal, porque poder imaxina-lo futuro eliminaría algo que para min é unha das emocións da vida: a sorpresa. E exemplos que demostran que adiviñacións futuras feitas no pasado non deron certo hainas a reo. Quen me ía dicir a min que ía aluga-la miña casa, que a xente se pelexaría por ela, que en Barcelona me ía sentir tan desubicado, por exemplo.

Pontevedra non me parece o destino que máis me veña de gusto, pero pode se-la porta para logo ir pra Vigo ou A Coruña. Ou, quen sabe, igual para Noia ou estou a gusto en Pontevedra. Non hai nada escrito.

No comments:

Post a Comment